Recibiu o premio “Compostela” na súa edición de 1.992 á mellor iluminación teatral realizada no ano anterior.
Rusia, comezos do século XX.
Un grupo de idealistas forma parte dunha organización que ten como obxectivo derrocar ao Zar e implantar un novo réxime. Cinco deles, catro homes e unha muller, xúntanse nun piso onde reciben as últimas instrucións para a súa máis inminente acción que vai ser dirixida contra o Gran Duque.
As distintas concepcións que cada un dos personaxes ten sobre a liberdade, a xustiza, a opresión e en definitiva o ben e o mal, son o eixo central desta trama na que ao final da mesma queda no aire a pregunta de se é lícito ou non que para conseguir unha causa que algúns consideran xusta teñan que pagar polo camiño inocentes. Na segunda metade da obra a acción trasládase a unha cela, onde se atopa Kaliaiev, apresado cando levaba a cabo a acción contra o Gran Duque.
As entrevistas que alí mantén con outro condenado, que vai ser o seu propio verdugo, e máis co comisario de policía poñen en evidencia os distintos puntos de vista que o ser humano ten acerca do momento e do mundo que lle tocou vivir, pero esta contradición chega ao seu momento máis álxido na visita que a propia Gran Duquesa fai ao que se considera o seu xusticeiro.