Ondas que fan océano: O País Acuático

13 / Agosto / 2024

Ondas que fan océano: O País Acuático

O País Acuático é o primeiro espectáculo teatral infantil de Teatro do Noroeste estreado no 2000, escrito e dirixido por Eduardo Alonso.

O verán podemolo asociar (ás veces) a vacacións, sol, praia, mar, calor,… incluso á sede e á escasez de auga en certos lugares debido ás altas temperaturas. Isto é o que lles ocorre aos habitantes de O País Acuático, un lugar sen auga no cal os seus habitantes terán que buscar a maneira de solucionar este problema a través da organización e a imaxinación. 

En O país acuático cinco actrices e actores interpretan ás personaxes que contan a historia deste país, un país que, a pesar do seu nome ou quizáis por el, non tiña auga. Un país sen mar, sen río, sen regato, sen charco, sen encoro, sen pozanca; pero que, grazas á imaxinación dos seus habitantes, acadou o que máis estimaba: transformarse nun país fermoso e florido, cheo de fontes e chafarices.

Non foi sinxelo chegar á situación ideal, houbo quen quería comerciar coa pouca auga que había, conseguindo grandes beneficios e provocando unha grande carestía deste prezado líquido, que chegou a estar a un valor astronómico, obrigando a moitos habitantes a emigrar para conseguir traballo noutro país e obter así os recursos que o seu lles negaba. Tan mal chegaron a estar as cousas que houbo revoltas e tumultos e fíxose necesario crear unha milicia para que defendera o dereito duns poucos a beneficiarse moito a costa de que moitos se beneficiasen pouco.”¹ Ou máis ben nada. Esta historia é unha metáfora do que ocorre no mundo no que a riqueza a controlan uns poucos e para outros é allea.

O País Acuático é un lugar fantástico e a historia está inspirada nun conto, O mercado de Edward Bellamy, un autor socialista utópico de finais do século XIX. Este conto é unha parábola cun simbolismo claro e tallante.

 

«Pero os capitalistas eran homes de entendemento e sabios na súa xeración.
Organizaron ao pobo, que era xa servo seu.
A algúns puxeronos a traballar nos manantiais,
a outros emplearonos en transportar a auga 
e a outros mandaronos a buscar novas fontes.
E toda a agua foi reunida nun mesmo sitio
e alí construíron un gran depósito para gardala.
Este depósito chamouse  “O Mercado”.
»²

A idea da obra teatral O País Acuático escrita por Eduardo Alonso e estreada no ano 2000 en Ribadeo, en realidade xa lle xurdira tres décadas antes. Conta o autor que “xa nos últimos anos da década de 1970, nos que estábamos en Madrid, tiñamos a intención de facer unha adaptación teatral do conto de O Mercado, de Edward Bellamy.”

A lectura deste conto e “os anos que comezábamos a vivir en España e concretamente en Madrid coa morte do ditador a as posibilidades de que se abrira unha democracia en España inclinounos a facer algo sobre a organización das sociedades. E, sobre todo, algo para as xeracións vindeiras.

Parecíanos un xeito moi sinxelo e didáctico de explicar o que nós entendíamos que era a nosa sociedade capitalista e o seu perverso funcionamento. De aí saíron dous textos, un traballo inicial infantil que se chamaba La máquina que sabía hacer actores e un texto para adultos que se chamaba Corren tiempos raros, tanto un coma o outro estaban inspirados en El mercado. O espectáculo infantil non tivo moito percorrido, pero o de adultos, sí. Representámolo durante todo o ano das primeiras eleccións democráticas en 1977. De volta en Galicia, xa a altura do 2000 pensei que podería retomar o traballo de facer un texto con El mercado pero de teatro infantil, e saiu O País Acuático que tivo unha longa vida.

E a día de hoxe, O País Acuático segue a ser un texto interesante e actual. No seu momento, este obra teatral obtivo unha Mención Especial no Premio ESTORNELA da Fundación Xosé Neira Vilas, na súa primeira edición do ano 2000, e está publicado en Edicións do Castro, 2001, na súa colección de teatro para nenas e nenos.

«O texto explica dun xeito moi didáctico como trata de organizarse a sociedade capitalista.
Chama a atención sobre os perigos desta transformación e,en certa medida,
axuda a comprender o sistemas democráticos de votación abertas.»
E. Alonso 

Esta montaxe teatral producida por Teatro do Noroeste hai máis de 20 anos foi a primeira montaxe de teatro infantil da compañía cunha liña máis didáctica para nenas e nenos que os espectáculos para un público adulto.

«Non diferenciamos moito entre teatro para adultos e teatro infantil,
agás en que o teatro infantil debe ter sempre un aporte didáctico importante.
»
E. Alonso

A obra ten un carácter familiar xa que as escenas deste espectáculo dan pé a diversas interpretacións dependendo da idade do público, aínda que foi escrito máis específicamente para rapazada de entre 7 e 12 anos de idade.

Seguramente o tema do capitalismo, inicialmente no pareza un tema para nenos e nenas. Pero a nós nunca nos gustaron eses temas brandos e doces que adoitan tomar o teatro infantil. Como se aos nenos e nenas houbera que describirlles un mundo feliz e de múltiples cores todos brillantes e alegres. En certa medida, iso é un engaño. Aos rapaces e rapazas hai que falarlles dun xeito determinado, pero sen mentiras nin babosadas. Eles saben de sobra que a realidade é como é. Canto antes teñan argumentos intelectuais para afrontala, mellor." di Eduardo Alonso.

O vestiario e maquillaxe neste neste espectáculo, realizado por Carmela Montero, é moi colorido e especial xa que os protagonistas son pallasos que explican nas diversas escenas como é o mundo coas súas contradiccións de riqueza e pobreza. Di Eduardo sobre a elección destas personaxes: “o clown é a personaxe primixenia capaz de selo todo”. O elenco estaba composto por Luma Gómez, Elena Atienza (e Rebeca Montero), Luisa Veira, Xosé Vilarelle e Carlos Mosquera Mos. 

«Nesta montaxe foi unha das primeiras veces que decidimos que os actores e as actrices
interpretaran tamén instrumentos musicais. Actores e actrices totais
.» E. Alonso

A música sempre xoga un papel relevante nas obras de Teatro do Noroeste. Esta música foi composta por Chefa Alonso.

«As músicas sempre son moi importantes nas obras de teatro.
O teatro, como a música, ten que ter un tempo, un ritmo e unha melodía.» E. Alonso

Contanos Eduardo Alonso unha anécdota curiosa sobre esta produción: “O espectáculo estivo moitos meses en carteleira. Tantos que recordo que Rebeca Montero tivo que sustituir a unha das actrices, concretamente a Elena Atienza porque esta estaba embarazada e chegoulle a hora do parto, e poucos meses despois, Elena Atienza tivo que sustituir a Rebeca Montero porque tamen quedou embarazada e púxose de parto. Tivemos, durante a distribución do espectáculo, dúas “camadas”.”

Sobre o resultado do espectáculo e a súa acollida, o director e autor, Eduardo Alonso explicanos que “a obra funcionou estupendamente co público. Cando a ensaiábamos preocupábanos como respondería a audiencia á escena final na que se menta unha votación do público decidindo o final. Coidabamos que nas representación ía ser moi difícil de controlar. Pero estábamos equivocados, os rapaces e as rapazas aprenderon de contado a comportarse nunha democracia. 

(...) O público infantil disfrutouno moito. Os programadores e programadoras quedaron un pouco asustados coidando que, se cadra, non era un tema para os nenos e nenas” pero non foi así

«Un pobo morre de sede e hai auga para todos. Que facer? Repartila entre todos» ³

 

Máis información e materiais deste espectáculo en:

 

Ficha de O País Acuático

Aquí podes visualizar: a sinopse completa, a ficha artística e técnica, as fotografías e o vídeo completo do espectáculo.

 

A Gabeta de O País Acuático

♦ Aquí podes visualizar: todas as fotografías do espectáculo, as ilustracións do vestiario, as partituras da música e o clipping de prensa.

 

 

¹ “Un país sen auga”, artigo de Los Viernes de Arousa no Faro de Vigo, 9 de febreiro de 2001.
² Edward Bellamy: “El Mercado” da colección Se hace camino al andar, 1975, páx.29.
³ Introdución do libro da colección Se hace camino al andar, 1975, onde aparece o conto de Edward Bellamy.

 




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies