Imperial: Café cantante. Vigo 1936, recibiu o Premio “MARÍA CASARES” á mellor escenografía, mellor vestiario, mellor iluminación, mellor música orixinal e mellor texto orixinal, na súa edición do ano 2007.Teatro do Noroeste, é unha compañía que, na súa dilatada traxectoria de 20 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos.
Entre estes espectáculos se poden salientar desde textos clásicos como: Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro de Caron de Beaumarchais, ate textos máis contemporáneos como Os Xustos de Albert Camús, ou de autores galegos como Historias Peregrinas ou A grande noite de Fiz de Miguel Anxo Murado e Unha rosa é unha rosa de Suso de Toro. Entre moitos outros. Teatro do Noroeste presenta o espectáculo teatral: Imperial: café cantante. Vigo 1936. Esta producción é unha obra musical de grande formato no que participan dez actores e actrices e conta con músicos en directo que interpretan os temas musicais e as cancións que aparecen no espectáculo.
En Imperial: café cantante. Vigo 1936, hai dúas cuestións que impregnan todo o argumento do espectáculo e forman parte esencial da obra: o lugar e a época. O lugar é a cidade de Vigo, e a época é a primavera de 1936, días antes do 18 de xullo. O Imperial é un café cantante de Vigo, como foi naqueles anos o Brasil e o Español. Neste café xúntanse pola noite, a disfrutar das actuacións das coristas, diferentes personaxes da vida nocturna viguesa. Todos viven aqueles momentos sen sospeitar que poucos días despois se desencadeará unha das máis crueis guerras fratricidas. Vigo, perto de Portugal e cunha porta aberta ao Atlántico era, naqueles anos, unha cidade que bulía de vitalidade e animación.
A Barcelona do Atlántico, dicían. A emigración cara Arxentina, as conserveiras de orixe catalán ou mesmo o inicio do negocio do wolfram (que logo tería tan grande desenvolvemento no comezo da 2ª guerra mundial), son elementos que se mesturan na noite leda do café Imperial. Todo se truncará co advenimento da guerra civil. Imperial: café cantante. Vigo 1936, non é unha obra histórica, pero a historia incide nela con especial consideración. Sobre todo os sucesos que aconteceron neses días en Vigo: as folgas da Singer ou dos administrativos do porto, o asalto a sé dos falanxistas, a proxección da primeira película en cor ou o ascenso do Celta a Primeira División e as grandes celebracións que isto ocasionou son acontecementos, entre outros, que aparecen reflectidos nos fíos argumentais deste espectáculo. Vigo con a súa historia recente, pois, é un protagonista claro de Imperial: café cantante. Vigo 1936, aparecendo desde no título ate en todo o seu fío argumental.
Pero tamén Imperial: café cantante. Vigo 1936, quérese sumar ao recordo de aquel ano fatídico do que actualmente, neste 2006, cúmprense 70 anos.