DESEÑOS HISTORIAS PEREGRINAS

31 / Xaneiro / 2024

DESEÑOS HISTORIAS PEREGRINAS

Os deseños de escenografía e vestiario da obra "Historias Peregrinas" realizados por Paco Conesa.

 

Historias Peregrinas foi unha obra estreada en 1995, dirixida por Eduardo Alonso, e escrita polo autor Miguel Anxo Murado por un encargo exclusivo de Teatro do Noroeste. En 2010 volveuse a levar a escena cunha nova versión do texto renovando escenografía, música, parte do vestiario ou do elenco.

En ambas montaxes, empregáronse os deseños que podedes ver arriba para confeccionar vestiario e escenografía, realizados polo artista Paco Conesa, que foi en vida colaborador habitual de Teatro do Noroeste. 

Sobre a estética de Historias Peregrinas e os deseños de Paco Conesa, Eduardo Alonso conta: “Envieille o texto e algúns días despois viaxei a Madrid para encontrarme con el e falarlle, cara a cara, do que quería que se reflectira na escenografía e no vestiario de Historias peregrinas. Era a nosa forma de traballar; a pulos e en directo. Paco Conesa recibiume, coma sempre, no seu estudio disposto a traballar. «Xa sei que a obra se desenvolve case toda pola noite, pero eu quero que sexa unha obra solar, chea de colorido. Noite coma se fora mañá brillante e soleada. Sempre en exterior e cun elemento esencial: o carro dos cómicos, que ten que ser operativo, non se vai mover en toda a obra, pero ao final arrancará cara ao seu destino». E así foi.”

Nas dúas primeiras imaxes podedes ver os deseños da escenografía das dúas versións o carro dos nosos protagonistas, a compañía teatral ambulante. A primeira ilustración é o deseño que serviu para construir o carro de Historias Peregrinas de 1995 (1); a segunda é o deseño no que se inspirou a construción do carro que aparece no Historias Peregrinas de 2010 (2).

“Acéndese toda a luz do escenario. Vemos o carromato dos cómicos no lado dereito, e no lado esquerdo unha árbore. Diante do carromato hai seis mantas, no chan. En tres delas están deitados tres dos personaxes, as outras tres están baleiras. Entre estes personaxes deitados e o público hai unha fogueira falsa acesa.”

Os deseños de vestiario que vedes son das seguintes personaxes por orde:

  • (3) Morte Xusticieira e Rei Ramiro 

“Aparece en escena un personaxe disfrazado como a Morte, cunha gadaña na man, que se dirixe sixilosamente cara ós que están durmindo. (...) Morte déitase no chan e comeza a arrastarse como se fose a miñoca. (...) Aparece Morte, vestido de rei cristián, que se deita no chan. (…) Morte, vestido de rei Ramiro, avanza e recita”

  • (4) O Home e Santiago 

Aparece o peregrino vestido como Santiago Apóstolo.”

  • (5) Gracia Santificante 
  • (6) Pecado 

“Empezan a acordar os dous (personaxes) que durmían. Un é unha muller vestida cuns farrapos (Pecado). O outro é unha muller vestida de anxo (Gracia).”

  • (7) Perdón Divino

“Entra en escena unha muller cuberta cunha capa, a cabeza tapada pola carapucha. Entra a modo, como temerosa. É Perdón Divino. (...) Perdón Divino quita a carapucha. É unha rapaza nova. (...) Quentando as mans no lume, Perdón Divino empeza a falar sen alegría. 

  • (8) Soldado 

“Entran dous soldados, un alto e outro máis ben baixo. Van vestidos de soldados e armados con picas. Parecen cansos e que teñen frío. A luz só os deixa ver a eles. (…) O outro Soldado ten na man unha bolsa de tea. Mentres os demáis falan, el está a mirala. Na bolsa hai unhas poucas moedas e máis tamén un espelliño pequeno.

  • (9) O Home Inocente 
  • (10) O Empresario (e Demo)

“Vemos un bulto, outro personaxe, totalmente cuberto. (...) Asoma a cabeza e vemos ó empresario, vestido de demo.”

  • (11) Moros 

“Préndense as luces e vemos a Pecado e a Gracia con turbante e túnica, vestidas como se fosen sarracenas.”

  • (12) Perdón Divino, de Historias Peregrinas de 2010

 

* As citas están sacadas das descricións das personaxes feitas por Miguel Anxo Murado no texto teatral.


Para máis información sobre a obra, podes consultar as fichas dos dous espectáculos no arquivo da web nas seguintes ligazóns: Historias Peregrinas 1 e Historias Peregrinas 2.




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies