Día Internacional do Deseño

27 / Abril / 2024

Día Internacional do Deseño

Celebramos o Día Internacional do Deseño repasando algúns dos carteis dos nosos espectáculos creados polos deseñadores gráficos que máis colaboraron coa compañía.

Hoxe, 27 de abril, é o Día Internacional do Deseño, ou tamén do deseño gráfico. Conmemorando o traballo destes profesionais, quixemos recopilar varios carteis de deseñadores que traballaron con nós en Teatro do Noroeste e que crearon a cartelería de varios dos nosos espectáculos en distintos momentos.

Sobre o deseño gráfico, podemos mencionar que ten un papel fundamental nas artes escénicas xa que a cartelería, os flyers, programas de man ou recursos gráficos dixitais, son o primeiro que se ven da obra de teatro e poden ser decisivos á hora da escolla do público ou dos programadores. Por iso, en Teatro do Noroeste traballamos en repetidas ocasións cos mesmos deseñadores, que souberon captar a nosa esencia e a dos nosos espectáculos.

Falaremos de tres destes deseñadores gráficos: Óscar Canal, Jacobo Bugarín e César Seijas.

Óscar Canal deseñador gráfico referencia para a nosa compañía, foi o que elaborou gran parte dos deseños das nosas obras nos nosos inicios: Tagen Ata (1990), Os Xustos (1991), A Grande Noite de Fiz (1992), Galileo Galilei (1993), Unha rosa é unha rosa. Comedia de medo (1997), Feirantes (1999), A Celestina. Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea (2000), O País Acuático (2000), Alta Comedia (2001) e Ensaio (2004).

Jacobo Bugarín deseñador gráfico e fotógrafo ligado ás artes escénicas, fixo con Teatro do Noroeste os carteis e gráficas de Romeo e Xulieta (2007), Extrarradios. Comedia das mulleres desamparadas (2008) e Último Cowboy (2011).

César Seijas, ademais de director de fotografía e realizador, é o deseñador vinculado na actualidade a Teatro do Noroeste, creador dos carteis e gráficas dos últimos espectáculos da compañía: Estado de Graza (2017), Animais de Compañía (2017), Da Avaricia, a Luxuria e a Morte (2018), As Virxes Salvaxes (2020), Gloria Nacional (2021), Feirantes (2022) e As Damas de Ferrol (2023).

Podes ver todos estes carteis e a ficha coa información sobre os espectáculos premendo nas ligazóns de arriba, mais aquí deixámosvos unha pequena selección:

Na actualidade xa estamos preparando os nosos próximos proxectos que, como non podía ser doutro xeito, tamén contaran cunha persoa profesional do deseño gráfico.




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies