«Glass City (Cidade de Cristal)»

02 / Agosto / 2009
Teatro do Noroeste, é unha compañía que, na súa dilatada traxectoria de máis de 20 anos, ten producido e distribuído unha grande cantidade de espectáculos. Entre estes espectáculos se poden salientar desde textos clásicos como: Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais, até textos máis contemporáneos como Os Xustos, de Albert Camús, ou de autores galegos como Historias Peregrinas, ou A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro e o musical, Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso. Entre moitos outros.

Teatro do Noroeste estreou o espectáculo teatral: Glass City (Cidade de Cristal). Esta produción é unha obra musical de grande formato no que participan catorce actores e actrices e conta con músicos en directo que interpretan os temas musicais e as cancións que aparecen no espectáculo.

En Glass City, hai dúas cuestións que impregnan todo o argumento do espectáculo e forman parte esencial da obra: o lugar e a época. O lugar é a cidade de A Coruña, e a época é o setembro de 1.958.

Nesa época e nesas datas adoitaba pasar varios días de veraneo, o entón xefe do Estado Español, o ditador Francisco Franco, en A Coruña. Con el chegaban á cidade unha morea de ministros e altos cargos daquel goberno que, instalados na cidade, a transformaban, durante uns días, na capital de España. Alí celebráronse consellos de ministros e constantes recepcións no Pazo do Concello, no club Náutico, e noutras sociedades civís, tamén se fixeron grandes cantidades de inauguracións, festexos e concursos para darlle brillo e esplendor a aquel réxime usurpador que xa levaba imposto máis de vinte anos.

Os membros da escolta de Franco, maiormente militares, que conformaban tanto a casa civil como a militar do ditador, chegaban a cidade dispostos a divertirse e gastar os sobresoldos que o Réxime lles facilitaba; montábanse entón grandes partidas de cartas, onde os visitantes eran alegremente desplumados polos espelidos residentes que agardaban a chegada dos madrileños con grande expectación.

Presidía a corporación municipal, naqueles meses, o alcalde Alfonso Molina, protexido da esposa do ditador e asiduo participante de festas e nocturnidades. Daquela época ven o dito de que “mentres Santiago reza e Vigo traballa, a Coruña se divirte”.

Pero é tamén neste ano de 1.958, cando chegan aos bares de A Coruña, as “juke box”, máquinas de discos, importadas de Estados Unidos e que viñan cargadas con cancións de Elvis Presley, Paul Anka, Neil Sedaka, Chubby Checker e compañía, o xerme da revolución da música xuvenil estaba servida e callaría anos despois, pero algúns mozos coruñeses atentos, se adiantan. Nace a xuventude como clase social.
Mais non todos están sometidos ao Réxime, ao menos internamente. O traxecto que recorre a escolta do ditador todos os días, do Pazo de Meirás ao do Concello de A Coruña, é u bo lugar para un atentado, as curvas de Bastiagueiro, continuas e pechadas, que obrigan a reducir a velocidade dos coches, préstanse para elo. Aínda que posiblemente aconteceu anos despois, neste espectáculo datamos neste ano un intento de atentado ao ditador. Hai que ter en conta que Franco tivo, que agora se saiba, más de trinta intentos de atentados ao longo da súa dilatada ditadura.

Glass City, non é unha obra histórica, pero a historia incide nela con especial consideración. Sobre todo os sucesos que aconteceron neses días en A Coruña: as inauguracións da Sociedade Hípica, da Fábrica de Armas ou do Supermercado de San Agostiño, a cea de gala no Pazo do Concello, onde, para susto de todas as autoridades, se interpretou o Himno Galego, ou a pesca por parte do Azor e de Franco, dunha balea que case creou un incidente político, pois a prensa non sabía se chamala cachalote ou cetáceo. Son acontecementos, entre outros, que aparecen reflectidos nos fíos argumentais deste espectáculo.

A Coruña, ca súa historia recente, pois, é unha protagonista clara de Glass City (Cidade de cristal), sendo referencia do título e aparecendo en todo o seu fío argumental.

Pero, tamén, Glass City, súmase aos textos de Eduardo Alonso dedicados a diferentes épocas e cidades galegas, primeiro foi As damas de Ferrol, despois Imperial: Café cantante. Vigo 1936, e agora este dedicado á Cidade de Cristal.

Este espectáculo, elaborado por unha compañía coa solvencia e traxectoria de Teatro do Noroeste, polas súas dimensións de espectáculo de grande reparto con músicos en escena, polas súas características de espectáculo musical, e sobre todo pola súa temática centrada en A Coruña naqueles tempos de finais dos 50, en setembro, cando esta cidade se transformaba na capital de España, coidamos que pode ser moi atractivo para o grande público.




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies