As virxes salvaxes é unha comedia sobre a absurda pero necesaria situación de recluír aos nosos maiores en institucións que os atendan e coiden. Non sempre foi así.
Nas culturas rurais, os maiores tiveron sempre unha función, unha ocupación que daba sentido as súas vidas até o final. Máis chegaron as présas e os apuros da cultura urbana e nela, os maiores non teñen cabida, son un estorbo, é preciso desfacerse deles amoreándoos en institucións concibidas para iso.
Nunha destas institucións, varias internas realizan, mesmo sen sabelo nin pretendelo, a súa propia revolución. Aproveitando a entrada dunha nova interna que é levada alí pola súa filla que non pode atendela, varias internas comezan a cuestionar a institución non deixando nada en pe.
A modo de metáfora da propia sociedade, as xentes de ben revélanse contra as imposicións absurdas e desmedidas. O caos que xeran pon a realidade contra as súas propias contradicións, creando situacións tremendamente divertidas. A comedia como factor de crítica ante unha realidade que cada vez se amosa máis pechada en si mesma.
De algún xeito, este espectáculo é unha homenaxe, se cadra un algo irreverente, aos nosos maiores máis revoltosos.