Romeo e Xulieta de William Shakespeare é un texto clásico, que nunha versión moderna e actualizada como esta, resulta un espectáculo de fonda contemporaneidade. Esta é unha das obras máis representadas ou versionadas, e serviu de inspiración para elaborar moitos argumentos para o cine, polo que figura no imaxinario actual dos espectadores.
Romeo e Xulieta fálanos das dificultades, ás veces insalvables, que se atopan cando se pretende conxuntar o particular e o social. O proceso de socialización non é un proceso natural e dinámico, senón que é conflitivo e, ás veces, destrutivo. O conflito entre o persoal e o familiar non sempre se resolve. E mesmo cando se resolve, non sempre se resolve ben. Na esencia dos procesos de socialización está o paso de mozo a adulto, onde a educación ten especial incidencia. En Romeo e Xulieta conxúganse catro elementos observados de forma específica: O Destino, como percorrido ou proxecto vital, a Acción, como compromiso coa realidade, o Amor como exaltación da individualidade e a Morte como a destrución e reunificación de todo, pero non só o Amor é o desencadeante da traxedia, se cadra o Impulso, a Acción non meditada resulta máis determinante do desenlace final. Nesta obra, máis que ningunha outra de William Shakespeare, resáltase a importancia de atinar no proceso natural de toma de decisións.
Son as decisións non meditadas e tomadas impulsivamente as que conducen á traxedia. O vello conflito familiar é un pano de fondo que colabora, pero non determina. Romeo e Xulieta é a obra onde con máis tino e precisión aparecen reflectidas as virtudes e as eivas da mocidade, pero onde os adultos non deixan de estar comprometidos co desenlace final e fatal. Nesta proposta a violencia entre as familias, o amor dos protagonistas, e todos os demais conflitos trasládanse a unha época actual e a un entorno moi inmediato onde resultan totalmente actualizados.
Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí. Se queres saber máis, le a nosa Política de Cookies
Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies