Non é a primeira vez que Teatro do Noroeste aborda un texto infantil, xa o fixera, no seu día, con “O País Acuático”. Pero agora volve a este importante xénero teatral con renovado pulo. Un trebón papouse ao bergantín “Princesa dos Mares”, un dos máis temidos barcos piratas de todos os océanos.
Algúns membros da súa perigosa tripulación conseguiron sobrevivir nunha balsa, agora a balsa pirata “Raiña da Escuma”. O terrible pirata Patachula dirixe unha tripulación composta polo grumete Mingallas, natural da illa da Tartaruga, o esforzado Ollovirollo, co seu parche no ollo e o seu papagaio Velasvir, e sobre todo a muller pirata Cachaza.
Todos eles encherán de aventuras os mares do Sur, realizando conquistas, como a famosa illa da Flor Nacente, e conseguindo descubrir onde está agochado o tesouro do pirata Bocanegra, que cando abría a boca, a súa campaíña soaba a morto. Unha divertida e entretida obra de teatro que fará as delicias dos nenos, as nenas e os seus pais. Recomendada para todos os públicos, pero en especial para nenos e nenas de entre seis e doce anos.