Personaxes Femininas de Teatro do Noroeste

28 / Marzo / 2024

Personaxes Femininas de Teatro do Noroeste

Repasamos algunhas das personaxes máis emblemáticas de Teatro do Noroeste. Personaxes consideradas problemáticas ou irreverentes por seren en realidade mulleres ambiciosas e loitadoras.

As personaxes femininas foron sempre relevantes nas obras de Teatro Noroeste.  A muller é a figura principal en numerosas das obras e, tanto como nas protagonistas como en papeis secundarios, hai un interese por estas mulleres fortes, aínda que ás veces vulnerables, independentes e autosuficientes, en ocasións extravagantes e sempre carismáticas. Por iso, o papel da muller destaca dentro do repertorio da nosa compañía.

Moitas destas personaxes foron escritas por Eduardo Alonso e interpretadas por Luma Gómez, fundadores de Teatro do Noroeste.

Di Eduardo, sobre as personaxes femininas do seu imaxinario:  

«Non me é nada difícil construír personaxes femininos especialmente fortes, intelixentes ou especiais. Eu vivín, e podo dicir que vivo, rodeado de mulleres fortes, independentes, intelixentes e especiais. Na miña familia sempre foron as mulleres as que marcaron as tendencias, determinaron os horizontes ou conquistaron as etapas. A miña avoa Adela, controlaba unha inmensa familia de algúns homes e moitas mulleres, desde a súa mesa camilla, e nada se facía sen que ela o soubera ou dera o seu consentimento. Non quero dicir que mandara, porque non era así, o que acontecía é que ninguén quería contrariala. As súas fillas, as miñas tías, eran de moi diversos caracteres e natureza e a miña nai tiña unha aguda intelixencia para descifrar o mundo. Eu sempre entendín a realidade desde os seus ollos. Os homes, os homes estaban a outra cousa, pero as mulleres estaban a entrelazar a vida cas nosas necesidades e os nosos desexos. Tamén vivín parte da miña vida, sobre todo os primeiros anos da miña vida, rodeado de mulleres, as miñas curmáns, que completaban o abano de posibilidades.  Eu, polo tanto, aprendín a ver a vida, o universo, a través dos ollos de mulleres con fundamento. Éme moi doado, con todo este material, con toda esta experiencia, crear personaxes femininos especiais, sonme moi “familiares”.» 

Para Luma, que sexan ou non protagonistas non é relevante, xa que con cada unha disfruta da súa interpretación. Con Teatro do Noroeste tivo a «posibilidade de facer personaxes moi diversas»  xa non só femininas… «incluso animais, como a vaca de Feirantes».

Neste artigo queremos repasar algunhas das personaxes máis emblemáticas de Teatro do Noroeste, que algunhas de vós seguro que recordaredes. Personaxes consideradas problemáticas ou irreverentes por seren en realidade mulleres ambiciosas e loitadoras.

Comezamos pola nosa primeira obra estreada en 1987: Medea. Ademais de ser unha das traxedias clásicas máis versionadas, é un dos grandes mitos do teatro universal e o papel principal é unha muller, unha personaxe complexa e poliédrica. Na Medea de Teatro do Noroeste, Eduardo Alonso e Manuel Guede, fan unha fusión das versións de Eurípides (a orixinal), a de Séneca, a de Anouilh e a do guión cinematográfico de Passolini. Cada unha aportou á orixinal un novo e enriquecedor matiz, e nesta, interpretada magníficamente por Luma Gómez, quixeron darlle ao mito todo o seu esplendor e á vez aproximalo ao espectador occidental moderno.

Como a define Luma, Medea é «unha muller estranxeira, abandonada, con espíritu de vinganza… Ten unha determinación enorme e como todas as personaxes fortes tamén conta cunha grande fraxilidade.» 

Posteriormente, no ano 2000, estreouse a versión libre da Celestina escrita por Eduardo Alonso: A Celestina (Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea). A personaxe de Celestina, sendo de entrada unha personaxe secundaria fronte a Calisto ou Melibea, converterse na figura principal da historia pola súa complexidade e encanto. Na adaptación de Eduardo, a Celestina galega e contemporánea interpretada con personalidade por Luma Gómez, non é menos. Celestina é unha muller segura de sí mesma e con grandes habilidades sociais, aínda que tamén as emprega para a manipulación, é o seu instinto de supervivencia para seguir sendo autosuficiente. A súa ambición e artimañas, que a axudan a sobrevivir nun entorno hostil, tamén a acabarán levando á súa condena.

Aixa é o nome da personaxe creada por Lino Braxe para Campo Sur, un texto publicado na Revista Galega de Teatro no 2002 e levada a escena por Teatro do Noroeste ese mesmo ano baixo a dirección de Elina Luaces. Como di Luma Gómez neste marabilloso monólogo, «Aixa tiña un ansia de liberdade máis grande ca o seu corazón». Conta unha historia ficticia pero á vez moi real e actual dunha muller islámica que remata nun campo de refuxiados, coa que se empatiza ao momento. Como figuraba no programa de man do espectáculo, Aixa “era muller, e foi cando cativa á Escola Coránica. Logo estudou para mestra, e desde a súa aula ensinaba a nenas e nenos o entendemento, a concordia e o felicísimo sabor da paz. Era membro dunha tribo das montañas próximas á cidade. Conservaba a caricia do cabalo e a semente dos prados no seu corazón. Era crente, muller e árabe. Era o gozo da vida. Despois chegou a barbarie.

Non podían faltar neste recopilatorio de personaxes, Lurdes e Maruxa, as protagonistas de As Damas de Ferrol, estreada orixinalmente en 2002 baixo a dirección do seu autor, Eduardo Alonso, e interpretada por Luma Gómez e Elina Luaces. Actualmente está en xira nunha nova versión que vén de recibir o V Premio Luísa Villalta a proxecto pola igualde, dirixida por Clara Gayo e interpretada por Casilda Alfaro no papel de Lurdes e Mónica Camaño no papel de Maruxa. Esta comedia de humor negro en clave feminista conta a crúa historia de dúas irmás, xa maiores e enclaustradas na súa vella casa. Estas protagonistas son dúas mulleres sobreviventes de todo tipo de violencia (económica, emocional, psicolóxica, física, sexual…). Son, ou foron, vítimas de violencia pola súa condición de muller e por tanto vítimas da sociedade patriarcal na que viven (e vivimos) e na que impera a desigualdade de xénero. 


Outra personaxe cunha gran fortaleza e á vez vulnerabilidade pola súa exposición é Ana Guzmán, a protagonista de Ensaio, escrita por Eduardo Alonso e interpretada por Luma Gómez en 2004. Ensaio conta o proceso de produción e ensaios dunha obra de teatro (teatro dentro de teatro), na que a protagonista é unha prestixiosa actriz cunha longa traxectoria, como quen a interpreta: Luma Gómez. Ana ve como se lle complica o proceso ao descubrir que a personaxe que ten que interpretar é ela mesma baixo a visión do autor, a súa exparella. Atópase coa dificultade de encarnar unha personaxe construída en base aos seus sentimentos, emocións e intimidades, e afrontar se o que lle vai costar esta función en todos os aspectos da súa vida, lle vai merecer o sufrimento ao que se vai ter que enfrentar.

A protagonista de A tixola polo mango (muller non é para tanto) é outra das personaxes máis carismáticas de Teatro do Noroeste, e unha das que máis pegada deixou entre o público. Un monólogo que xirou dende a súa estrea en 2005 ata 2015, 10 anos. Esta personaxe feminina escrita por Lola Correa e interpretada por Luma Gómez, coa que as espectadoras empatizaron enseguida, “faise querer, é un ser aparentemente nobre, unha desas mulleres con ideas doutra época e das que todos temos algunha referencia persoal, ela podería ser aquela tía lonxana, a nosa curmá a solteirona, a nosa aboa ou mesmo a nosa nai”. Na súa cociña, mentres elabora o raxo de porco, “o seu discurso encerra algo doutro tempo e, tamén, algo de verdadeira revolución feminina.” 

Entre o repertorio de personaxes, tamén hai oco para as mulleres de Extrarradios (Comedia das Mulleres Desamparadas) obra estreada en 2008, protagonizada por Luma Gómez, no papel de Mendiga, e Victoria Pérez no papel de Raquel. Este espectáculo escrito e dirixido por Eduardo Alonso acadou o premio Max das Artes Escénicas en 2009. As protagonistas son dúas mulleres singulares, unha mendiga e unha prostituta que se encontran nun banco dunha parada de bus marxinal e abandonada, e aínda que nun primeiro momento hai unha rivalidade polo espazo no que transitan, nun arranque de sororidade acaban asociándose. As dúas loitan con unllas e dentes por sobrevivir e ser felices a pesar das adversidades. 

A Mamma outro espectáculo unipersoal, interpretando Luma Gómez unha personaxe teimuda escrita por Lino Braxe. “Cando fomos coñecedores de que traballaba nun texto sobre a vida dunha muller loitadora que, nos últimos días da súa vida rememora con estraña lucidez os tempos pasados e os presentes deste pobo tan castigado, puxémonos en contacto co autor para levar a escena a súa peza.

E por último, queremos mencionar nesta selección ás catro personaxes da obra estreada en 2017, Estado de Graza. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, esta obra narra a difícil relación entre unha filla que ansía a liberdade e unha nai dominada polas crenzas relixiosas máis profundas. As catro mulleres desta obra loitan (entre elas) por establecer o seu lugar no mundo. Luma Gómez interpreta o papel da nai radicalmente relixiosa, Dona Dolores, que é moi esixente e dura coa súa filla Lola, interpretada por Manuela Varela, que é ideolóxicamente oposta a ela e á súa vez é nai solteira de Sol, unha rapaza con autismo interpretada por Nini True. Como contrapunto, como intentando suavizar estas complexas relacións interxeracionais, interpretada por Imma António, está a personaxe de Catarina, a criada de sempre que criou ás fillas de Dona Dolores, tamén relixiosa pero coa mente máis aberta o cal lle permite conectar coas personaxes máis novas. 

Foron moitas máis as personaxes femininas de Teatro do Noroeste, e aquí deixámosvos a nosa pequena selección para visibilizar e reivindicar a presenza e voz das mulleres nas artes escénicas.

IMAXES:

  1. Medea, da homónima obra, interpretada por Luma Gómez en 1987.
  2. Celestina, da homónima obra,interpretada por Luma Gómez en 2000. Na foto xunto a Xosé Vilarelle no papel de Sempronio, Luisa Veira no papel de Elicia, e Belén Constenla no papel de Areúsa.
  3. Aixa, de Campo Sur, interpretada por Luma Gómez en 2002.
  4. Maruxa e Lurdes, de As Damas de Ferrol, interpretadas por Elina Luaces e Luma Gómez respectivamente en 2002.
  5. Maruxa e Lurdes, de As Damas de Ferrol, interpretadas por Mónica Camaño e Casilda Alfaro respectivamente en 2023.
  6. Ana, de Ensaio, interpretada por Luma Gómez en 2004.
  7. Muller, de A tixola polo mango (muller, non é para tanto), interpretada por Luma Gómez en 2005.
  8. Raquel, interpretada por Victoria Pérez, de Extrarradios (Comedia das Mulleres Desamparadas) en 2008.
  9. Mendiga, interpretada por Luma Gómez, de Extrarradios (Comedia das Mulleres Desamparadas) en 2008. 
  10. A Mamma, interpretada por Luma Gómez en 2014.
  11. Dona Dolores interpretada por Luma Gómez e Catarina interpretada por Imma António, en Estado de Graza, 2017.
  12. Lola interpretada por Manuela Varela e Sol interpretada por Nini True, en Estado de Graza, 2017.

CARTEIS:

  1. Medea,1987.
  2. A Celestina (Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea), 2000.
  3. Campo Sur, 2002.
  4. As Damas de Ferrol, 2002.
  5. As Damas de Ferrol, 2023.
  6. Ensaio, 2004.
  7. A tixola polo mango (muller, non é para tanto), 2005.
  8. Extrarradios (Comedia das Mulleres Desamparadas), 2008.
  9. A Mamma, 2014.
  10. Estado de Graza, 2017.




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies