Ondas que fan océano: Macbeth

24 / Xullo / 2024

Ondas que fan océano: Macbeth

Hai 30 anos estreábase Macbeth de Teatro do Noroeste

Un 24 de xullo de 1994, no MIT de Ribadavia, tras dous meses de ensaio con moita calor, Teatro do Noroeste estreaba unha das traxedias de William Shakespeare, Macbeth. Esta versión en galego estaba dirixida por Eduardo Alonso e protagonizada por Diego Varela, no papel de Macbeth; Luma Gómez no papel de Lady Macbeth; Ernesto Chao, Xavier Estévez, Xosé Vilarelle, Belén Constenla, Imma António e Raúl Varo.

Aínda que oito xa é un bo número para o elenco, máis eran as personaxes polo que todos facían de varias personaxes en distintas situacións, cunha posta en escena transgresora na que había alteración dos papeis masculino e feminino sobre o escenario e tamén un cambio de vestiario á vista do público, cun toque brechtiano, nun banco ao lateral do escenario estaban as distintas prendas que ían cambiando as actrices e os actores. Os elementos de vestiario e atrezzo estaban deliberadamente concebidos como materiais de uso común, e polo tanto recoñecibles polo espectador. Todo o elenco levaba un uniforme básico, ían vestidos de gris, sobre o cal ían os distintos accesorios elaborados pola compañía con estes materiais reutilizados: paos de escoba como espadas ou lanzas, elementos formados por distintas redes mariñeiras, telas de saco para os artilleiros, ou pezas de cestería de vimbio e outros materiais, tratadas e recortadas para escudos ou cascos.

         

O deseño deste orixinal vestiario fora feito polo artista Paco Conesa, ao igual que deseñou o cartel, o programa de man e a escenografía.

               

A escenografía está concebida toda ela con predominio de dúas cores: vermello e negro. Estas cores son indicativas dos sentimentos que bulen do desenvolvemento da propia traxedia e serven para introducir ao espectador esteticamente nun mundo de afectos primarios, nun mundo basculante de amor-odio. Comeza así a obra coa tea escura, a dos malos presaxios, coas bruxas introducindo xa o fatal desenlace. Ao longo da obra, e conforme vai aumentando a tensión, a tea vermella, nun primeiro momento aos pés dos protagonistas, vai subindo e transformando todo no vermello da sangue, o crime, a paixón ou a tolemia que nubra a mente dos protagonistas.

             

O deseño de iluminación fóra obra do director, Eduardo Alonso, e a música estaba ao cargo de Emilio Cao.

Podedes ver todas as ilustracións de vestiario e os distintos bocetos que fixera Paco para o cartel desta obra, así como todas as fotografías realizadas por Tino Viz, na seguinte ligazón:

A GABETA DE MACBETH

 

Macbeth (1994) foi a novena produción de Teatro do Noroeste nesa etapa inicial na que levaba a escena as obras dos grandes autores do Teatro Universal como Medea (1987) de Eurípides, Galileo Galilei (1993) de Bertolt Brecht, As vodas de Fígaro (1994) de Caron de Beaumarchais ou Noite de Reis (1996) e Rei Lear (1990) estas dúas tamén obras dun dos dramaturgos máis célebres da literatura universal, William Shakespeare.

The Tragedy of Macbeth (A traxedia de Macbeth), título orixinal desta obra de Shakespeare, está inspirada na vida real de Macbeth, unha personaxe histórica que fora conde de Moray e rei de Escocia a mediados do S.XI. Para facerse co título real, Macbeth asasinou en 1040 a Duncan I, o rei lexítimo. Durante un tempo parece que foi recoñecido pola maioría dos escoceses como bo político pola súa habilidade neste campo e resistiu varios intentos de recuperalo poder por parte da familia lexítima. En 1058, Malcom Conmore, fillo de Duncan, derrotouno e matouno na batalla de Lumphanam. Estes foron os feitos que serviron de base a Shakespeare para a composición da traxedia teatral, na que cabe destacar a súa riqueza de matices na personalidade dos protagonistas, o desenvolvemento dos dilemas internos e tamén a súa actualidade.

           

Macbeth é a traxedia de Shakespeare por excelencia, poderiamos dicir que é a encarnación do drama clásico. Escrita en 1605, en cinco actos, ten unha liña argumental sinxela: tres bruxas se lles aparecen a Macbeth e Banquo (nobres medievais e amigos), para anunciarlles unha profecía: Macbeth será Rei e os fillos de Banquo terán o trono nas súas mans algún día lonxano. Macbeth, empuxado pola súa dona, asasina ao Rei Duncan, ao que previamente acollera no seu castelo como hóspede. Unha vez realizado o crime, a súa muller (fría e dura) prepara a escena no dormitorio do rei para inculpar aos seus servidores (chambeláns) e mailos propios fillos do rei Duncan.

Despois, Macbeth que vive obsesionado polo medo á perda do poder, mata ao seu amigo Banquo e desencadea unha serie de asasinatos sen sentido, sempre co apoio da súa dona, Lady Macbeth. No seu interior loitan os remordementos, a súa debilidade e comeza a sufrir o acoso do destino: aparicións dos asasinados, e por fin, a morte a mans de Macduff, señor de Fife. Lady Macbeth tamén sufrirá o castigo: o desacougo ata a morte provocada pola súa propia man.

Convén destacar nesta obra a personaxe de Lady Macbeth, que é unha excepción ao rol das mulleres, un exemplo de transgresión nos valores da época. Esta personaxe difícil e fascinante foi interpretada por Luma Gómez: É unha muller pouco habitual. Case funciona na primeira etapa dun xeito intrigante bastante parecida a un home. Tiña unha gran influencia sobre Macbeth e é o motor de todas as cousas malas que este fai. Acaba con todos os que a rodean. E cando se decata é cando non o soporta e venlle a tolemia.

                                                                                   

Como di Luma, este é un texto "moi excepcional na construción da personaxe de Lady Macbeth instigando ao crime. Unha personaxe moi dura e distante, que deixa ver a súa maldade no principio; e é unha personaxe moi debilitada e fráxil no final, na tolemia. Cando está nun remuíño que non a deixa vivir chega ao seu límite e rómpese

 

“Posiblemente un dos textos máis difíciles de Shakespeare”

 

Ficha do espectáculo




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies