Ondas que fan océano: Galileo Galilei

10 / Xullo / 2024

Ondas que fan océano: Galileo Galilei

«Galileo Galilei. E sen embargo, móvese» é o espectáculo teatral estreado por Teatro do Noroeste en 1993, dirixido e adaptado por Eduardo Alonso a partir do texto do dramaturgo alemán Bertolt Brecht.

«...Vouche mostrar unha das nebulosas da Vía Láctea. 
Está composta de incontables estrelas. 
Só na constelación de Orión hai cincocentas...»

Hoxe, 10 de xullo, é o pico de visibilidade dun fenómeno astronómico que se pode visualizar no noso hemisferio despois da posta da lúa: As Pegasidas, unha chuvia de meteoros.¹ Os astros: sol, lúa, planetas, estrelas,... son un pouco máis coñecidos por nós grazas á labor de grandes astrónomos da nosa historia como Copérnico ou Galilei. De feito, o científico renacentista italiano Galileo Galilei foi considerado por algúns autores o pai da astronomía e física moderna, aínda que a súa paixón eran as matemáticas ás que recurría para demostrar empíricamente os seus descubrimentos. E precisamente sobre este matemático, escribiu o escritor alemán Bertolt Brecht Leben des Galilei (A vida de Galileo) en 1938 en Dinamarca, obra teatral que reescribiría en diversas ocasións ata a súa morte. 

«A ciencia ten un solo precepto: 
contribuír á ciencia»
                             Bertolt Brecht

Esta obra de teatro de Brecht foi levada a escena en numerosas ocasión desde a súa primeira estrea en Suiza en 1943. Eduardo Alonso, gran admirador da obra do dramaturgo alemán, decidiu facer unha adaptación desta obra que Teatro do Noroeste representaría en 1993 co nome de Galileo Galilei. E sen embargo, móvese dirixida (e iluminada) por el.

 

«...os meus novos descubrimentos 
poderán aforrar moito diñeiro á navegación, 
os astros marcan o camiño...»

A obra conta a vida de Galileo Galilei nos seus últimos anos como investigador, nos que vive en Florencia coa súa filla Virxinia con conflitos económicos; dando clases de matemáticas; instruíndo a Andrea, fillo da súa caseira a Señora Sarti, como o seu discípulo; e continuando as súas indagacións para as súas teses co que el consideraba o seu axudante, Federzoni. Nesta época descobre probas que avalan as teorías copernicanas. Mediante o telescopio atopa, entre outras, as manchas solares, montañas na lúa ou os satélites de Xúpiter. Mais estes achados non son do agrado da Igrexa xa que demostrar que a Terra xira arredor do Sol, o heliocentrismo, tiraba por terra as doutrinas relixiosas mantidas por séculos. Polo que o seu vello amigo, o Cardenal Barberini, nomeado Papa Urbano VIII, baixo influencia do Inquisidor, acaba denunciando a Galileo, que se verá na obriga de retractarse publicamente das súas teses.

 «…O Sol é o centro do mundo e non se move;
 e a Terra non é o centro e si se move…»

Esta versión que Teatro do Noroeste leva sobre as táboas, tiña un elenco de luxo. O papel protagónico de Galileo Galilei defendíao o tan recordado Ernesto Chao. Narrado por Imma António no papel de Vella. Facía do discípulo de Galileo, Andrea, o actor Raúl Varo, e como a súa nai a Señora Sarti, a nosa Luma Gómez. O noso colaborador habitual, Xavier Estévez, facía de Ludovico, e Carlos Blanco do axudante pulidor de lentes Federzoni. A filla de Galileo, Virxinia, estaba interpretada por Rebeca Montero. Ademais contou con: Serxio Pazos no papel de Priuli, Xosé Vilarelle no papel de Papa Barberini, Diego Varela no papel de Inquisidor, Tuto Vázquez no papel de Filósofo e Pepe Soto no  papel de Matemático. 

Fotografías: Tino Viz 

O deseño da escenografía, vestiario e atrezzo, foi obra do artista Paco Conesa. Podedes ver as súas ilustracións para esta obra na seguinte ligazón:

Deseños

 

Na ficha da nosa web de Galileo Galilei tedes toda a información do espectáculo e material adicional: fotografías, equipo, sinopse, o programa de man, unha interesante unidade didáctica, … 

Ficha Galileo Galilei

 

E se esta noite a meteoroloxía non vos deixa ver a chuvia de meteoros, podedes aproveitar para ver o vídeo completo dunha das funcións desta obra de teatro de 1993. 

«...o universo non pode ser «lido» 
ata que aprendamos a súa linguaxe»
                                   Galileo Galilei

Cartel e deseño gráfico: Óscar Canal

¹ Star Walk 




Volver atrás



Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí­. Se queres saber máis, le a nosa Polí­tica de Cookies

Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies