Coproducción teatral de Teatro do Malbarate e Teatro do Noroeste.
Galicia S.L. é unha empresa moderna, unha empresa de futuro. Realmente a situación non está para posturas triunfalistas, mais os homes e mulleres que crearon e forman a empresa non se deixan amilanar polas adversas circunstancias, están dispostos a facerse un sitio e conquistar novos mercados. ¿Con que potencial conta esta nova empresa? Primeiramente co seu persoal, homes e mulleres escollidos de entre os mellores e de diferentes extractos sociais a fin de abranguer toda as posibilidades: a ama de casa liberada, o actor con garra, o parado de profesión, a punky recocida, a secretaria eficiente, a velliña do campo, o executivo emprendedor e o currante infatigable. Estes son os seleccionados para levar a bó termo tan alta empresa. Seguro que o conseguirán. O segundo grande potencial desta empresa son os que traballan na sombra: os ideantes, eses seis homes e unha muller (o 14,3%) que aportaron ideas, diálogos e dificultades.
Todo fermosamente empaquetado e sonorizado, organizándose a produción baixo unha moderna e participativa dirección ¿Existe no mercado un produto cun perfil tan claro de futuro?Evidentemente non. Anímese, pois, todo o mundo a ter relacións comerciais, ou de calquera outro tipo, con Galicia S.L., non se sentirá defraudado. Os sistemas de pago son cómodas, sinxelos e, por suposto, ao alcance de calquera economía. Se vostede precisa un proxecto de interese, Galicia S.L. teno. Se vostede precisa un caldo de cultivo, Galicia S.L. teno. Se vostede precisa un punto de referencia, Galicia, S.L. teno. Se vostede precisa unha cor de rosa, Galicia S.L. tena. Se vostede precisa un horizonte nidio, Galicia S.L. teno. Se vostede precisa unha base sólida, Galicia S.L. tena. Se vostede precisa un futuro inmediato, Galicia S.L. teno. Todo o que vostede precise, Galicia S.L. teno en diferentes tallas e cores. Por todo isto, dicímoslle con claridade: pense, critique e se non ten nada mellor que facer, participe.
É unha mensaxe de todos os homes e mulleres que traballamos nunha empresa de futuro: GALICIA S.L.