Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas), acadou o premio Max das Artes Escénicas na súa edición de 2009 no apartado de texto en galego.
Comedia urbana, aínda que marxinal, sobre o fructífero encontro de dúas mulleres singulares, unha mendiga chegada ao punto de maior degradación, e unha puta de estrada barata e acabada, que disputan o seu espazo vital, a parada abandonada do bus 108.
Nos límites imprecisos da cidade, e posiblemente tamén da realidade, móvense estas personaxes que, a pesares da súa lateralidade, manteñen o seu dereito a ser felices. Se cadra, todo podería acontecer doutro xeito, pero elas asumen cunha dignidade túzara a parte que lles tocou vivir.
A casualidade fai que Raquel, a puta de estrada, e a mendiga se atopen. Transitan uns espazos onde o encontro era posible, e unha vez que este se dá, acontece como nesas asociacións interesadas de animais de distinta natureza que, complementándose, conviven. A súa asociación non dá como resultado a suma das súas posibilidades, senón que xera un novo ser distinto dos sumandos, con características e potencialidades nunca sospeitadas.
A súa casual sociedade confírelles unha nova e brutal natureza que desenvolveran en toda a súa capacidade destructora. Efectivamente, a mendiga e Raquel son, seguramente sen ser conscientes disto, mulleres desamparadas, colocadas no lugar menos favorecido da vida, unha porque é o lugar que lle corresponde nesa ruleta cega do destino, a outra por chegar a el no seu propio proceso de degradación. Atópanse, as dúas, no chanzo máis baixo da baixada aos infernos.
Sen embargo, acomódanse nel e deciden vivir ou, no seu caso, sobrevivir asumindo a súa situación coa calma que lles confire a súa humana natureza. E nós, observámolas polo lente do microscopio do escenario, cun sorriso tenro sospeitando, ao tempo, que estamos máis reflectidos nelas do que parece aparentar.
Utilizamos cookies para asegurar que damos a mellor experiencia ao usuario no noso sitio web. Podes personalizar a túa experiencia aquí. Se queres saber máis, le a nosa Política de Cookies
Nesta xanela podes configurar as cookies que queres aceptar. Lembra que en todo momento, podes acceder á nosa Política de Cookies