Nunha terraza dun piso alto da cidade, desde a que se divisan os tellados dos demais edificios, unha cadela, Fedra, agarda a chegada da súa ama, Rebeca.
Fai xa bastante tempo que Rebeca marchou e aínda non ten regresado. Fedra está preocupada que cada son que escoita, coida que é Rebeca regresando e chama por ela, leda, pero de seguido dáse conta que foi unha falsa alarma.
A verdade é que Rebeca nunca ten tardado tanto en regresar. Mentres agarda, Fedra cóntanos que ela foi recollida por Rebeca dun refuxio de animais. Realmente, até que apareceu Rebeca na súa vida, a vida de Fedra foi un ir de refuxio en refuxio e dun dono a outro sen parada. Fedra sempre estivo acollida pola protectora de animais. Conta como foi o día que, estando no refuxio, apareceu Rebeca á procura dunha mascota e todas as habilidades que Fedra desenvolveu para conseguir que Rebeca se fixara nela e a acollera.
Fedra canta unha canción explicando as súas habilidades. Mentres isto acontece aparece polo muro da terraza Maxa. Maxa é unha gata que vive ceibe nos tellados da cidade e, algunhas veces, aparece pola terraza de Fedra, para desespero desta que non quere intrusos nos seus dominios. Rebeca tamén tenlle un comedeiro de comida de gata a Maxa na terraza para que poida comer cando lle pete. Isto da pe a Fedra para discutir con Maxa sobre se Rebeca e dona das dúas ou non.
Para Fedra, que é unha cadela, é bo ter dono xa que os cans deben telo, Para Maxa, non. Ela di que unha gata de tellado non ten que ter dono e que, en calquera caso, ela non o ten. Obsérvanse as diferenzas de pensamento entre as dúas.
Claramente non pensan igual. Maxa canta unha canción indicando que ela é da rúa, unha gata ceibe sen dono. Tamén Maxa cóntalle a Fedra que ven de durmir a sesta na pola dunha arbore, unha cerdeira. A cerdeira de Alberte Viches que está plantada nunha horta da rúa das Hortas e que existe grazas á teimosía do veciño Alberte Vilches que conseguiu, con paciencia e teimosía, que agromara unha cerdeira onde parecía imposible.
Contando isto, Maxa baixa do muro e entra na terraza, pero Fedra non lle deixa pasar, entende que está para defender o territorio, e o seu territorio é a terraza, de xeito que non debe deixar entrar nel a ninguén. Isto serve para que entre as dúas debatan sobre os territorios e as diferenzas entre quen os habita e quen, por necesidade, ten que entrar neles. Esta discusión entre gata e cadela amplíase nunha cantiga que elas cantan a xeito de regueifa expresando as súas diferenzas. Ao remate resolven que defender un territorio non é non deixar pasar ou entrar nel, defender un territorio é coidalo, limpalo e regarlle as flores e as plantas e telo sempre fermoso e ben presentado.