As profesionais de Teatro do Noroeste
Hoxe, 8 de marzo, celebrase o Día Internacional da Muller, e neste día queremos reivindicar o traballo das mulleres profesionais de Teatro do Noroeste.
Foron moitas as mulleres que colaboraron coa compañía, entre elas moitas actrices, mais hoxe falaremos da labor dalgunhas entre bambalinas ou fóra do escenario.
Comezamos por unha das tres patas de Teatro do Noroeste: Luma Gómez. Ademais de ter unha moi frutuosa carreira como actriz, ser a cofundadora desta compañía xunto con Eduardo Alonso e unha activista incansable polos dereitos no sector das artes escénicas, tamén traballou durante moitos anos na distribución de Noroeste. Unha faceta quizais menos coñecida de Luma foi na súa labor como axudante de dirección en producións como Estación Mahagonny (1998), Piratas (2011) e Touporroutou da lúa e do sol (2013), e como directora en Confesión (2005).
E a outra das compoñentes principais da compañía é Eva Alonso. Produtora, vinculada dende moi nova ao teatro, conta cunha extensa experiencia en xestión e produción teatral. En Teatro do Noroeste foi a encargada de producir as seguintes montaxes: A Tixola polo Mango (muller, non é para tanto) (2005); Confesión (2005); Imperial: Café Cantante, Vigo 1936 (2006); Romeo e Xulieta (2007); Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) (2008); Glass City (Cidade de Cristal) (2009); Historias Peregrinas 2 (2010); Último Cowboy (2011); Piratas (2011); Touporroutou da lúa e o sol (2013); A Mamma (2014); Palabras Malditas (2016); Estado de Graza (2017); Animais de Compañía (2017); Da avaricia a luxuria e a morte (2018); As Virxes Salvaxes (2020); Gloria Nacional (2021); Último Verán en Santa Cristina (2022), Feirantes (2022) e As Damas de Ferrol (2023). Ademais foi axudante de dirección en Confesión (2005) e Selección Natural (2014). Mais, como Luma, tamén ten feito un pouco de todo na compañía: administración, contabilidade, distribución, deseño gráfico, deseño de escenografía e vestiario, vídeos, comunicación e redes.
Son numerosas as colaboradoras que tivo Teatro do Noroeste nos seus máis de 35 anos de historia, mencionaremos a algunhas delas:
Como escritoras e dramaturgas, tivemos a Alexandra Moreira da Silva, autora de Estación Mahagonny e Lola Correa, que ademais de actriz (A Casa do Pai), é a autora das obras: A Tixola polo Mango (muller, non é para tanto) e Selección Natural.
Mercedes González redactou numerosas unidades didácticas, entre elas as de As vodas de Fígaro, Noite de Reis, Historias Peregrinas ou Unha rosa é unha rosa (unha comedia de medo).
Elina Luaces é actriz, e tamén dirixiu o espectáculo Campo Sur. Rosa Míguez foi axudante de dirección en Rei Lear, Tagen Ata e Os Xustos. Tamén Imma Antonio, colaboradora habitual, escritora e actriz, foi axudante de dirección en: Glass City (Cidade de Cristal), Último Cowboy, Linda and Freddy, ilusionistas, Palabras Malditas, Gloria Nacional e Último Verán en Santa Cristina. Ademais fixo a versión e traducción, xunto con Eduardo Alonso, de Noite de Reis (1996) e redactou a unidade didáctica da obra Feirantes, actualmente en xira, protagonizada por ela mesma. Máis recentemente, Clara Gayo, dirixe o espectáculo actualmente en xira As Damas de Ferrol, espectáculo no que ademais a maior parte do equipo está formado por mulleres.
Celsa Bouzón modista, realizou o vestiario de A grande noite de Fiz, As vodas de Fígaro, Historias Peregrinas 1, Unha rosa é unha rosa, O País Acuático e Historias Peregrinas 2. Xunto con ela, tamén modista, Susana López, realizou o vestiario de A grande noite de Fiz e Historias Peregrinas 2. Carmela Montero foi a encargada da indumentaria e caracterización en Feirantes, como da maquillaxe en Unha rosa é unha rosa. E Ana Bruned foi a encargada da caracterización de Selección Natural. Tamén traballou con nós Silvia de Marta que fixo a escenografía e indumentaria de Selección Natural.
Chedes Suárez, bailarina e coreógrafa de gran percorrido engargouse de crear a coreografía dos espectáculos musicais de Noroeste: Glass City (Cidade de Cristal) e Historias Peregrinas 2. Así como Julia Méndez, que actuou nesas dúas obras, posteriormente faría a coreografía de Animais de Compañía.
A música de Noroeste, está moi ligada á figura de Chefa Alonso, compositora e música, compuxo a música dos espectáculos: Feirantes, A Celestina, Alta Comedia, Ensaio, Historias Peregrinas 2, Estado de Graza, O País Acuático e As Damas de Ferrol.
Música de As Damas de Ferrol (2023)
A Manuela Varela coñecerédela por estar enriba do escenario, como actriz, entre moitas outras, das obras en xira, Gloria Nacional e Último Verán en Santa Cristina, mais tamén se encargou durante varios anos da distribución da compañía, traballo menos visible pero igual de importante.
E de recente incorporación ao equipo de Teatro do Noroeste temos a Melina Regueira, xestora cultural, encargada de apoio de produción, distribución e contido dixital.
Estas profesionais, e moitas máis, fan posible que siga facéndose teatro galego, teatro profesional e teatro de calidade. Por un sector, o das artes escénicas, cada vez máis representado e ocupado por mulleres en igualdade de condicións.
A continuación tedes unha selección de imaxes das obras mencionadas:
- Cartel de Estación Mahagonny, escrita por Alexandra Moreira da Silva
- Cartel de La sartén por el mango, escrita por Lola Correa
- Foto da obra Campo Sur, dirixida por Elina Luaces e protagonizada por Luma Gómez
- Foto de equipo de As Damas de Ferrol de 2023
- Foto do vestuario de Historias Peregrinas 1, feito por Celsa Bouzón e Susana López, na foto Luma Gómez e Belén Constenla
- Foto de escenografía e indumentaria de Selección Natural, feita por Silvia de Marta