Teatro do Noroeste
<- Volver

HISTORIAL

  • TÍTULO: HISTORIAS PEREGRINAS (2)
  • AUTOR: Miguel Anxo Murado
  • Unha comedia sobre as aparencias. Ou “as aparencias enganan”.
  • ESTREA: 2010
  • REPARTO:
    Luma Gómez (01.Actriz) · Xan Casas (02. Actor) · Victoria Pérez (03.Actriz) · Fernando González (04.Actor) · Carlos Mosquera Mos (05.Actor) · Julia Méndez (06.Actriz) · Aitor Rei (07.Actor) · Alejandro Carro (08.Actor) · Paco Conesa (09.Escenografía e Vestiario) · Chefa Alonso (10.Música) · Chedes Suárez (11.Coreografía) · Eva Alonso (12.Producción) · Miguel Anxo Murado (13.Autor) · Eduardo Alonso (14.Direccion e Iluminación)
  • RESUMO:
    En HISTORIAS PEREGRINAS, de Miguel-Anxo Murado, un grupo de cómicos recorre o Camiño de Santiago representando Danzas da Morte e ás veces algún Auto Sacramental. A causa dunha edición defectuosa do Códice Calixtino, que lles sirve como guía, pérdense nun bosque preto de Compostela. Están fartos de facer o que fan, particularmente o actor que fai o papel de Muerte Justiciera, convencido de que a súa vis cómica se bota a perder nun papel así, ou a actriz que fai de Gracia Santificante, que xa me dirás ti que gracia ten facer de Gracia, ou o que fai de Demonio, que de boa gana faría teatro vangardista, moderno e a poder ser incomprensible. Sen embargo, son case felices se non fose porque o actor que fai o papel de Hombre Inocente se fuga coa actriz que fai de Perdón Divino e cos cartos da recadación das últimas funcións. Agora veranse obrigados a buscar alguén que faga de Hombre Inocente, o que non parece nada fácil nunha época na que o Milenarismo, as Herexías, as Guerras e a Peste volveron malencarado a máis ou menos todo o mundo. Tampouco o público parece gustar moito das súas representacións, sobre todo cando hai moitas execucións públicas ás que asistir, gratuítas e moito máis participativas. Un reo dunha destas execucións escapa á xustiza e se atopa co grupo dos cómicos, que buscan un Hombre Inocente para a súa obra. O xogo teatral está servido: alguén que non é o que aparenta ser facendo de alguén que é o que é no fondo, pero que non parece que sexa. HISTORIAS PEREGRINAS é unha deliciosa comedia sobre as comedias, unha delicada galería de personaxes eminentemente teatrais para falar da vida, da aparencia e da realidade, da razón e a sen razón de ser, e para falar do que para todo home e muller de teatro é o máis querido: o teatro. Pero falar de todo isto sen pedantería, con sinxeleza e sentido do humor. Houbo un tempo en que a xente se xuntaba nas prazas das vilas ao ás portas das igrexas para informarse das últimas novidades da Moral e a Teoloxía, que entón era unha paixón popular. Eran os autos sacramentais, que os actores representaban pagados pola autoridades, e que como se sabe consistían en obras alegóricas, con personaxes recoñecibles tales como A Morte, O Pecado, A Salvación. Igual que na actualidade, os medios de comunicación proporcionaban ao público tanto diversión como normas de conduta. En HISTORIAS PEREGRINAS quíxose retomar para a comedia aquela fermosa e sinxela forma que hoxe nos parece algo inxenua e darlle a volta. Quíxose escribir unha especie de comedia teolóxica popular, un auto sacramental no que a sentencia moral e a temática fosen modernas. Un anacronismo, por tanto. O anacronismo é sempre moi revelador: ese cruce de datos dunha época e interpretacións de outra distinta é sempre unha fonte de novas reflexións. Así, esta é unha comedia alegórica na que as alegorías se resisten a cumprir co seu papel. O bosque é aquí, como no teatro barroco, a representación do mundo polo que vaga o ser humano desnortado. Só que neste bosque en particular o ser humano, o Home Inocente dos autos sacramentais, escapou cos cartos e co Perdón Divino, deixando abandonadas e desconcertadas as alegorías da Morte, o Pecado, o Mal e a Gracia Santificante. Mais, aínda sendo unha comedia, o seu fondo é serio, como en toda comedia que aborda a condición humana. Os dous temas de esta obra son a identidade e a casualidade. A identidade como problema propio do noso tempo, a casualidade como a forma moderna de entender o que antigamente chamaban destino. Son, en definitiva, e como di un personaxe da obra, os argumentos esenciais de todo o teatro. Porque HISTORIAS PEREGRINAS pretende ser tamén unha modesta metáfora sobre o propio teatro.

VIDEO

FICHEROS

DOSSIER:

PROGRAMA:

NECESIDADES TÉCNICAS:

PLANO DE ILUMINACIÓN:

FOTOS

ACTUACIONS

24-09-2010 Pazo de Cultura Narón
25-09-2010 Pazo de Cultura Narón
30-09-2010 Teatro Colón A Coruña
27-10-2010 Salón Teatro Santiago de Compostela
28-10-2010 Salon Teatro Santiago de Compostela
29-10-2010 Salón Teatro Santiago de Compostela
30-10-2010 Salón Teatro Santiago de Compostela
31-10-2010 Salón Teatro Santiago de Compostela
25-11-2010 Pazo da Cultura Pontevedra
02-12-2010 Auditorio Pazo de Congresos Ourense
11-03-2011 Centro Cultural Novacaixagalicia Vigo (Pontevedra)
25-03-2011 Auditorio Municipal Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
30-04-2011 Teatro Jofre Ferrol (A Coruña)
01-05-2011 Teatro Jofre Ferrol (A Coruña)